Moedas estables (stablecoins)
Unha «moeda estable» (stablecoin) é un tipo de criptoactivo que pretende manter o seu valor estable por referencia a outro valor ou activo como o dólar ou o euro.
Malia chamarse «moedas estables», nalgúns casos non presentan unha estabilidade de prezos permanente, mentres que outras mostran unha volatilidade mínima en relación co activo referenciado. En calquera caso, non se poden considerar moeda de curso legal porque non se aceptan como medio de pagamento. Non obstante, o novo marco regulatorio europeo permite a emisión de moedas estables como diñeiro electrónico, que si terían esta aceptación.
Unha «moeda estable» é un tipo de criptoactivo cuxo valor está vinculado a unha moeda de curso legal, coma o euro ou o dólar, ou a outro activo coma o ouro, o petróleo ou outros criptoactivos. Noutras palabras, o seu valor está referenciado a outro activo (financeiro ou non) e ten como obxectivo manter o seu valor estable en relación con ese activo a través de varios mecanismos.
Unha función das «moedas estables» é permitir que a xente compre e venda criptoactivos sen ter que realizar operacións adicionais de cambio dos seus criptoactivos por moeda de curso legal (é dicir, actúan coma un medio de pagamento dentro dun ecosistema cripto).
Tipos de moedas estables (stablecoins):
Vinculadas á moeda oficial dun país:
neste caso, o emisor da moeda estable garante a estabilidade do seu prezo comprando e vendendo o activo de reserva ao que está ancorado o valor da moeda. Segundo a normativa europea (regulamento MICA), o titular desa stablecoin ten dereito a recibir o valor do activo de referencia en calquera momento (é dicir, se a stablecoin pretende manter o seu valor en referencia ao euro, o titular pode obter o reembolso do importe nominal equivalente ao valor en euros da stablecoin). No regulamento MiCA, estes tipos de criptoactivos denomínanse «fichas de diñeiro electrónico» e só poden ser emitidos por entidades de crédito ou entidades de diñeiro electrónico debidamente autorizadas e supervisadas.Vinculadas a activos:
un tipo de moeda estable distinta das anteriores, que ten como obxectivo manter un valor estable vinculado a outro activo ou dereito, ou a unha combinación de ambos, incluíndo unha ou máis moedas oficiais dun país. No regulamento MiCA, este tipo de criptoactivos denomínase «Fichas referenciadas a activos» (EMT, polas súas siglas en inglés). O mecanismo de estabilización de prezo da moeda estable funciona de xeito similar ao anterior. A emisión está permitida a entidades de crédito e emisores debidamente autorizados polo Banco de España de acordo co disposto no devandito regulamento. Non obstante, cómpre sinalar que existen outras moedas estables, que se poden atopar fóra da Unión Europea, que empregan este modelo sen os requisitos establecidos no regulamento MiCA e, polo tanto, supoñen certos riscos.Algorítmicas:
un tipo de «moeda estable» que ten como obxectivo manter un valor estable en relación cunha moeda oficial ou un ou máis activos mediante algoritmos automatizados que preveñen aumentos ou diminucións da oferta deses criptoactivos en resposta a cambios na demanda. Estas moedas non conseguen manter a estabilidade e supoñen un risco moi alto.