Claves públicas e privadas
As claves públicas e privadas son dúas claves diferentes que se usan para protexer, mediante criptografía, a información dunha conta nunha cadea de bloques (blockchain).
A clave pública é coma un nome de usuario nun sitio web.
A clave privada é coma un contrasinal, é información privada que só debe ser coñecida pola persoa á que pertence. Úsase para abrir ou acceder á información situada no enderezo da clave pública, así como para levar a cabo as transaccións desexadas.
A tecnoloxía dunha cadea de bloques baséase na criptografía asimétrica, un tipo de criptografía que emprega dúas claves diferentes para cifrar e descifrar información: a pública e a privada. Deste xeito, calquera pode cifrar unha mensaxe usando a clave pública do destinatario, pero só o titular da clave privada correspondente (normalmente o destinatario) pode descifrala.
Unha carteira (wallet) axúdanos a xestionar as claves públicas e privadas, e pode ser un software (normalmente unha extensión no noso navegador). Unha vez instalada no noso ordenador, un algoritmo xera os pares de claves públicas e privadas correspondentes a un enderezo. A criptografía garante que cada clave privada lle corresponde unha clave pública única e que é imposible determinar a clave privada a partir desa clave pública.